Zendal amplía a súa aposta pola coinnovación en sanidade animal e inviste na start-up Innogando

O grupo Zendal formalizou o seu compromiso coa start-up Innogando, cun primeiro investimento dirixido á co-creación de dispositivos especializados que melloren a produtividade gandeira. Esta aposta de Zendal por Innogando reforza o proxecto da start-up galega que foi destacada no Ranking das 100 Mellores Startups de España 2021 polo seu traballo nos eidos da tecnoloxía aplicada ao sector gandeiro e da mobilidade.

A participación de Zendal non se limita só á achega económica, senón que tamén ofrece apoio coa súa rede de distribución.

Para Zendal, esta alianza forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe a colaboración con outras empresas emerxentes e confirma a aposta da biotecnolóxica porriñesa pola coinnovación e a transformación dixital no mundo da saúde e o benestar. En palabras do seu conselleiro delegado Andrés Fernandez, “ o apoio a Innogando reflicte o noso compromiso coa investigación e o desenvolvemento nos ámbitos da saúde humana e animal, cun obxectivo final que é mellorar a calidade de vida e o benestar ”.

Mellorar a produtividade gandeira
O proxecto Innogando nace para dar resposta a unha demanda de dixitalización do sector gandeiro. Neste caso, mellorar a calidade de vida dos profesionais mediante a tecnoloxización de moitos sistemas e ao mesmo tempo ampliar a rendibilidade da súa explotación e reforzar o benestar animal.

Entre as súas novidades máis salientables destaca Rumi, un sistema de localización por GPS do gando que monitoriza o estado do animal en tempo real e recompila toda a información nunha App para que o usuario poida acceder a ela cando o necesite.

A boa acollida deste produto permitiu un rápido crecemento da empresa, que conta agora cunha plantilla de 10 persoas e vendas a nivel nacional. Así, “A curto prazo consideramos seguir crecendo os nosos principais retos, para o que reforzaremos a nosa rede comercial a nivel nacional e nos prepararemos para dar un salto ás vendas internacionais, xa que nesta ocasión comprobamos a necesidade deste tipo de servizos e outros no que xa estamos traballando”, destacou o conselleiro delegado de Innogando, Elio López.

Sobre Innogando
Innogando nace en 2020 como un proxecto no que tecnoloxía e natureza se unen co obxectivo de dixitalizar o sector gandeiro de forma que mellore a calidade de vida dos profesionais, a rendibilidade das instalacións gandeiras e consiga un maior benestar animal. Con sede en Lugo e formado por gandeiros, veterinarios, e enxeñeiros informáticos e electrónicos, o proxecto conta co apoio de Zendal, Xesgalicia e Vigo Activo.

Sobre Zendal
Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico que agrupa a seis empresas centradas na investigación, desenvolvemento, fabricación e comercialización de vacinas para a saúde humana e animal e outros produtos de alto valor engadido para o ámbito sanitario. As firmas que están baixo o seu paraugas son CZ Vaccines, Biofabri, Vetia, Petia, Zinereo e Probisearch. A empresa con sede no Porriño conta cun equipo formado por máis de 500 persoas, a maioría altamente cualificadas.

As súas diferentes instalacións contan con múltiples áreas diferenciadas de produción e laboratorios biotecnolóxicos, en España e Portugal (prevista 1o trimestre de 2022), o que a sitúa nun lugar preferente para a produción de vacinas en Europa. Actualmente, exporta os seus produtos sanitarios a 65 países.

- Últimas entradas -

Comparte esta publicación

Facebook
Twitter
LinkedIn

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Facebook
Twitter
LinkedIn