O grupo Zendal formalizou a súa aposta coa start up Innogando, cunha primeira inversión destinada á cocreación de dispositivos especializados que melloran a produtividade do gando. Esta aposta de Zendal por Innogando reforza o proxecto da start up galega que foi destacada no Ranking das “Mellores 100 Startups de España 2021” pola súa labor nos campos da tecnoloxía aplicada ao sector gandeiro e a mobilidade.
A participación de Zendal non se circunscribe unicamente á aportación económica, senón que tamén presta apoio coa súa rede de distribución.
Para Zendal esta alianza enmárcase nun proxecto máis amplo, que abarca a colaboración con outras empresas emerxentes e que confirma a aposta da biotecnolóxica con sede no Porriño pola coinnovación e a transformación dixital no mundo da saúde e o benestar. En palabras do seu CEO Andrés Fernandez, “o apoio a Innogando reflexa o noso compromiso coa investigación e o desenvolvemento nas áreas de saúde humana e animal, cun obxectivo final que é a mellora da calidade de vida e do benestar”.
Mellorar a produtividade do gando
O proxecto de Innogando nace para dar resposta a unha demanda de dixitalización do sector gandeiro. Neste caso, para mellorar a calidade de vida dos profesionales a través da tecnoloxización de moitos sistemas e ao mesmo tempo ampliar a rendibilidade da súa granxa e reforzar o benestar animal.
Entre os seus desenvolvementos máis destacados atópase Rumi, un sistema de localización GPS para gando que monitoriza en tempo real o estado do animal e recompila toda a información nunha App para que o usuario poida acceder a ela cando o necesite.
A boa acollida deste produto permitiu un crecemento rápido da compañía que conta xa cun equipo de 10 persoas e vendas a nivel nacional. Por iso, “a curto prazo marcámonos como principais retos seguir crecendo para o que fortaleceremos a nosa rede comercial a nivel nacional e prepararémonos para dar un salto para a venda internacional, xa que neste tempo comprobamos a necesidade deste tipo de servizos e doutros nos que xa estamos traballando”, destacou o CEO de Innogando, Elio López.
Sobre Innogando
Innogando nace en 2020 como un proxecto no que tecnoloxía e natureza se unen co obxectivo de dixitalizar o sector gandeiro de forma que mellore a calidade de vida dos profesionais, a rendibilidade das instalacións gandeiras e se acade un maior benestar animal. Con sede en Lugo e formada por gandeiros, veterinarios e enxeñeiros informáticos e electrónicos, o proxecto conta cos apoios de Zendal, Xesgalicia e Vigo Activo.
Sobre Zendal
Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico que aglutina a seis empresas enfocadas á investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas de saúde humana e animal e outros produtos de alto valor engadido para o ámbito da saúde. As firmas que se atopan baixo o seu paraugas son CZ Vaccines, Biofabri, Vetia, Petia, Zinereo e Probisearch. A compañía con sede en O Porriño conta cun equipo formado por máis de 500 persoas, na súa maioría de alta cualificación.
As súas diferentes instalacións posúen múltiples áreas diferenciadas de produción biotecnolóxica e laboratorios, en España e Portugal (previsto 1er cuadrimestre 2022), o que a posiciona en lugar preferente para a produción de vacinas en Europa. Actualmente, exporta os seus produtos de saúde a 65 países.
Deja un comentario